Códigos contratacións e aclaración sobre o proceso de selección de persoal

Recordamos os códigos das contratacións nos que te debes anotar se es de Salceda de Caselas, estás desempregado e queres optar aos postos de traballo que previsiblemente se ofertarán dende o Concello de Salceda de Caselas.

Ante as consultas reiteradas que temos sobre como se procede para seleccionar traballadores para o Concello de Salceda de Caselas, escribimos este pequeno artigo de aclaración:

O Concello de Salceda de Caselas todos os anos solicita á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra subvencións para contratación de persoal laboral. No caso de que estas subvencións sexan concedidas, o Concello procede á selección dos traballadores, para isto está obrigado polo propio procedemento das subvencións concedidas a rexistrar unha oferta de emprego no Servizo Público de Emprego (oficina do Porriño) por cada posto de traballo ofertado. Estas ofertas de emprego son para postos de traballo que se identifican cun código e cun nome, que son os que podes consultar no documento que acompaña a este artigo, e son os códigos nos que debes estar apuntado (sempre que cumpras cos requisitos) se queres ter opcións a participar no procedemento de selección.

Unha vez que o Concello de Salceda de Caselas pon a oferta de emprego no Servizo Público de Emprego, é o Servizo Público de Emprego o que remite unha carta a aquelas persoas que cumpren cos requisitos solicitados. As persoas que reciben a carta deben presentarse no Concello de Salceda de Caselas para entregar a documentación requirida e participar no proceso de selección.

Unha vez que os candidatos presentan toda a documentación, un tribunal de selección designado para tal efecto procede a valorar as solicitudes recibidas. De forma habitual, o baremo de selección está baseado na situación persoal do candidato (fillos a cargo, tempo en desemprego, idade, sexo, etc.) e na formación relacionada co posto de traballo que vai realizar. En caso necesario, farase unha proba práctica para determinar a valía do candidato, esta proba práctica normalmente non puntúa, simplemente pode ser excluínte no caso de non realizala correctamente.

No caso de que unha persoa interesada non reciba a carta do Servizo Público de Emprego para participar no procedemento non será posible participar no mesmo, xa que este é un requisito imprescindible imposto polas Ordes Reguladoras das subvencións recibidas para a contratación.

Moitos usuarios preguntan por que non reciben a carta do Servizo Público de Emprego se están anotados no código. Isto pode ser por varias causas, por exemplo que haxa máis persoas anotadas que candidatos remitidos, é dicir, se nese código hai anotadas vinte e cinco persoas e o Servizo Público de Emprego só remite dez cartas haberá quince persoas ás que non lles chegue a carta a pesar de estar anotadas no código. Outro motivo pode ser a antigüidade no que levas anotado no código que sexa inferior a doutros candidatos, ou o tempo que levas en desemprego.

Esperamos que con este pequeno artigo teñas un pouco máis claro como participar nos procesos de provisión de persoal para o Concello de Salceda de Caselas.  En todo caso estamos á vosa disposición para calquera aclaración.

Podes consultar os códigos no seguinte enlace:

Codigos ocupacions traballos concello 2019

 

Autor: CDL O Torron

Compartir este artigo en